Wednesday 01 de May de 2024

Aberto o prazo de inscrición para participar no III Concurso de Tapas ‘Saborea Cariño’


· Celebrarase do 3 ao 5 de decembro.

· Os participantes poderán entrar nun concurso para designar a mellor tapa con premios ofrecidos polos establecementos colaboradores.

A promoción da hostalería, o desenvolvemento da cultura do tapeo e fomentar a calidade da gastronomía do municipio son os obxectivos cos que o Concello de Cariño lanza a terceira edición do Concurso de Tapas ‘Saborea Cariño’, que tivo unha paréntese o ano pasado debido á pandemia e que nesta ocasión levará a cabo do 3 ao 5 de decembro. Desde hoxe, 9 de novembro, está aberto o prazo de inscrición para que se involucren os establecementos hostaleiros que o desexen.

Poderán facelo ata o luns 15 de novembro, antes das 14 horas, presentando a folla de inscrición debidamente cuberta no rexistro do Concello. É obrigatorio indicar a ficha técnica da receita (nome da tapa, ingredientes, alérgenos, etc.) e os datos do establecemento.

Haberá un sorteo de premios para o público que realice o roteiro de tapeo nun mínimo de 4 establecementos diferentes unha vez finalizado o concurso. O prezo das tapas poderá ser de 1,5 euros como máximo e todas optarán ao primeiro e o segundo premio do xurado profesional e tamén ao premio do xurado popular para designar a ‘ Mellor Tapa do Público 2021’.